Resultados do III Recoñecemento Internacional Acampa 2023
Pola paz e o dereito a refuxioPepe Mujica y Rafael Pillado foron os máis votados no III Recoñecemento Internacional á Defensa dos Dereitos Humanos Acampa 2023. As votacións en cada unha das dúas categorías – internacional e galega – secretas, verificables e abertas non só ás persoas asociadas ao movemento Acampa, decidiron que sexan Pepe Mujica, cun 48,48% dos votos, e Rafael Pillado, co 40,91% os que recibiran o III Recoñecemento de Acampa, que toma forma nunha alegórica escultura da artista Pilar Subías. Calquera das candidaturas presentadas era, abofé, merecedora do noso aplauso colectivo polo seu labor e o seu traballo no tecido dunha sociedade máis xusta e humana. Pero os votos das organizacións, particulares asociados á rede e a cidadanía implicada con Acampa elixiron a Pepe Mujica y Rafael Pillado.
III Recoñecemento Internacional
á Defensa dos Dereitos Humanos Acampa 2023
José Alberto Mujica Cordano, presidente do Uruguai entre o 2010 e o 2015, foi senador no seu país do 2014 a 2018, retirándose da actividade política para dedicarse á militancia popular. É líder do Movemento de Participación Popular, o sector maioritario do partido de esquerda Fronte Ampla.
Cun pasado guerrilleiro no que ingresou no Movemento Nacional de Liberación-Tupamaros, Mujica viviu na clandestinidade, foi ferido de bala e estivo máis de quince anos no cárcere, sendo brutalmente torturado. A chegada da democracia, que decretou a amnistía para os delitos políticos, comúns e militares, devolveulle a liberdade en 1985. Pese a esa dura experiencia, a súa voz nunca calou. En palabras súas, “vivir con causa é a única maneira de vivir”.
Pepe Mujica é un dos máis xenuínos exemplos de militancia na defensa dos Dereitos Humanos, “unha loita que non se acaba nunca, unha loita permanente marcada polas desigualdades e as limitacións da nosa pobre humanidade”.
III Recoñecemento Local (Galicia)
á Defensa dos Dereitos Humanos Acampa 2023
Rafael Pillado Lista (San Cibrao, 1942- Ferrol 2023). Exemplo de incansable loita polas dereitos socias e políticos da clase traballadora.
Residente en Ferrol desde os dous anos, onde chega a familia seguindo ao seu pai, preso no Castelo de San Felipe pola súa militancia antifranquista. Aos 15 anos incorpórase á Escola de Aprendices da E.N.Bazán, empresa onde transcorre toda a súa vida laboral. En 1960 afíliase ao PCE, desenvolvendo unha intensa actividade política e sindical, participando na fundación das CCOO. Foi detido e encarcerado en varias ocasións e polos sucesos do 10 de marzo de 1972 foi procesado polo TOP no coñecido Xuízo dos 23, sendo condenado a 7 anos de cárcere, dos que cumpre 4 ao ser amnistiado na transición. Foi confundador do PCG, militou na Asemblea para Unidade dos Comunistas, Partido dos Traballadores e PSOE. Actualmente e ata o seu recente falecemento, colaboraba como inscrito en PODEMOS.
Foi cofundador do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, da asociación cultural Fuco Buxán e da Asociación Galega de Vítimas do Amianto (AGAVIDA).
Desde o movemento Acampa congratulámonos do resultado. O obxectivo do recoñecemento, pór en valor a necesidade da defensa dos Dereitos Humanos, destacando o labor de organizacións ou persoas referentes nese eido e que sexan un exemplo para toda a sociedade, está máis que cumprido cos resultados da votación. Aquí vos deixamos, en dous roscos, os resultados acadados por cada unha das candidaturas que concorreron ao noso III Recoñecemento Internacional Acampa 2023 pola Paz e o Dereito a Refuxio: