I Recoñecemento Internacional Acampa 2021
Pola paz e o dereito a refuxioI Recoñecemento internacional á defensa dos dereitos humanos
“Acampa pola paz e o dereito ao refuxio”
Trátase dun recoñecemento anual a entidades ou persoas que destaquen na defensa dos Dereitos Humanos, especialmente nas áreas de actuación de Acampa: a defensa dos Dereitos Humanos, o Dereito a Refuxio e a defensa da Paz e o diálogo como fórmula para a resolución de conflitos.
O obxectivo é poñer en valor a necesidade de defender os Dereitos Humanos presentando o traballo realizado por organizacións e persoas que son un referente e un exemplo para toda a sociedade. Pretendemos poñer o foco mediático na situación de retroceso dos Dereitos Humanos en todo o mundo e a importancia de recuperalos e defendelos coa forza e a resiliencia das organizacións e persoas que reciben este recoñecemento, que será proposto e votado por todas as organizacións e persoas que conforman a Rede Acampa Internacional .
Bases
1.- En que consiste o recoñecemento?
É unha mención internacional presentada a un tempo en todas as cidades con presenza da Rede Acampa consistente na entrega dunha carta de recoñecemento que destaque o labor realizado pola persoa ou entidade recoñecida e dunha escultura representativa de Acampa, realizada pola escultora Pilar Subías.
2.- Quen pode presentar propostas para o recoñecemento?
- – Todas as organizacións que forman parte da Rede Acampa Internacional con carta de adhesión á Rede Acampa.
- – Todas as persoas que conforman a Rede Acampa e que consten inscritas como asociadas.
- – Todos os equipos de coordinación locais de Acampa internacional.
3.- Como se presenta unha candidatura?
Para propoñer unha candidatura debe achegarse a seguinte documentación:
Se é unha persoa:
- – Foto dixital da persoa proposta, cunhas medidas de 1800 píxeles no lado máis longo e a 300 ppp de resolución.
(Se non se ten acceso á persoa, para a primeira proposta pode servir calquera foto con calidade recoñecible).
Se é unha organización:
- – Logotipo vectorial.
En ambos os casos tamén deben xuntar:
- – Breve descrición dos motivos da proposta (aprox. 200 caracteres).
- – Breve biografía da persoa ou da organización proposta (aprox. 400 caracteres).
- – Datos de contacto, correo electrónico, teléfono, web e redes sociais da organización ou persoa proposta para recibir o recoñecemento.
- – Datos da organización ou persoa que fai a proposta.
Toda a documentación deberá achegarse necesariamente mediante ficheiros electrónicos en formato PDF e de tamaño non superior a 4 megabytes de información.
As propostas coas candidaturas deben enviarse ao correo electrónico: acampa@redeacampa.org.
4.- Prazo de presentación de candidaturas
O prazo para presentar candidaturas remata o 28 de febreiro de cada ano.
5.- Cantos recoñecementos se entregan cada ano?
Cada ano entregaranse os seguintes Recoñecementos Acampa:
- – Un único Recoñecemento internacional, que se entregará rotatoriamente en cada país, na cidade que antes organice o encontro internacional anual de máis de dous días, ou ben na cidade que decida a dirección Acampa de cada país.
- – Un Recoñecemento local en cada cidade con organización Acampa que así o decida, sen importar o número de cidades que queiran entregar o recoñecemento local. No caso concreto de Galicia admítese ampliar o Recoñecemento a organizacións e persoas de todo o territorio galego.
A dirección internacional de Acampa, por razóns estratéxicas, poderá decidir a cidade en que se entrega o Recoñecemento Internacional. Esta decisión terá prioridade sobre calquera outra.
6.- Como se selecciona o recoñecemento anual?
Unha vez pechado o prazo para presentar candidaturas, ábrese un prazo de votación de quince días que se iniciará o 30 de marzo de 2021 no que poden participar todas as persoas acreditadas como asociadas a unha das organizacións Acampa e todas as organizacións da Rede Acampa, con un voto por organización.
Pódense presentar dúas candidaturas por organización ou persoa particular:
- – unha para o Recoñecemento Internacional.
- – outra para o Recoñecemento Local a unha organización ou persoa da Coruña ou de calquera outra cidade con organización Acampa que decida entregar o Recoñecemento Local e así o anuncie publicamente.
A votación do Recoñecemento Internacional e do Recoñecemento Local efectúase a través da web Acampa internacional na ligazón que se facilitará para tal fin.
Poderán votar todas as organizacións da Rede Acampa e todas as persoas rexistradas ou asociadas á Rede Acampa.
Escultura feita por: Pilar Subías.
PilarSubías doou solidariamente a obra e os dereitos de uso a Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio .
https://quintodeebro.com/gallery2/index.php/Artesanos_y_Artistas/Pilar_P_rez_Sub_as_Escultora