Prólogo

Neste VIII Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio queremos abordar a delicada situación da infancia e a xuventude, especialmente daquela que, por diferentes motivos, se ve obrigada a desprazarse e a solicitar refuxio.

Son alarmantes os datos de ACNUR do ano 2023, que fixan a cifra de desprazados forzosos por violacións de Dereitos Humanos (DD. HH.) por riba dos 114 millóns de persoas. A metade da poboación refuxiada no mundo a causa de guerras, crise climática, desastres naturais, fame e violencias de toda índole son nenos e nenas menores de dezaoito anos. Isto é, unha infancia vulnerable constantemente en tránsito. En moitas ocasións chegan sen familia ou pérdenano proceso migratorio, están enfermos, en choque emocional, son criminalizados, teñen que renunciar durante anos ao seu dereito a ir a escola, a aprender, a acceder á sanidade, á cultura…en definitiva, a medraren como lles correspondería.

Os perigos multiplícanse exponencialmente. As organizacións humanitarias que traballan coa infancia e a xuventude alertan dos riscos crecentes neses escenarios sen control: secuestros, explotación sexual, tráfico de órganos, deterioración da saúde mental e física…

Miles de nenos e nenas son asasinados ante os ollos da comunidade internacional. Na Franxa de Gaza levamos meses asistindo, atónitos, ao masacre que Israel está inflixindo ao pobo palestino, sementando todo o territoriode nenos e nenas mortos e orfos. Pero noné só Gaza. Cincuenta conflitos están activos arestora no mundo e, neles, a propia existencia ou os dereitos esenciais da súa infancia exuventude están sendo permanentemente ameazados: O Iemen, Sudán do Sur, Malí, República Democrática do Congo, Ucraína…

A Rede Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio quere ser o altofalante para a reivindicación colectiva que esixa accións urxentes e necesarias, de alcance internacional, que minimicen o dano e faciliten a incorporación da infancia e a xuventude, canto antes, a unha vida digna, respectuosa e saudable, á que teñen dereito independentemente da súa orixe… Vemos acotío como os menores non acompañados se converten en moeda de cambio, en pedra de toque, nun problema que dentro de cada país receptor ninguén quere resolver seriamente por medio de políticas públicas necesarias e urxentes.

Como sociedade debemos esixirlles aos gobernos que garantan unha lexislación específica que asegure a protección dos dereitos da infancia e a adolescencia, no marco legal e regulador dos DD. HH. Non podemos permitir as devolucións ilegais (en quente) ou a externalización de fronteiras pagando cos nosos impostos a gobernos antidemocráticos e matóns que violan os DD. HH. acotío.

Acampa en Galicia e Brasil considera fundamental levar esta discusión ao ámbito internacional, xa que esta poboación de menores refuxiados está a iniciar a súa vida e necesita ser acollida e integrada, require de toda a xustiza social, xurídica epolítica ao seu favor.

Acampa pola Paz prioriza a reflexión, a aprendizaxe e o coñecemento da poboación local alá onde opera, para que sexa esta a que procure o camiño no marco do Estado de dereito e a xustiza social, e o faga independentemente da clase social, raza, xénero, credo, cultura ou idade de quen chega, sen negar o diferente, abrazando a pluralidade sen violencia, xenofobia ou odio na construción permanente da paz.

O obxectivo deste VIII Encontro Internacional—que celebramos en xuño na Coruña (Galicia, España) e en outubro en Piracicaba (São Paulo, Brasil)—non é outro que abrir un amplo debate sobre as causas da situación de vulnerabilidade da infancia desprazada forzosamente, así como sobre a maneira en que haberá de acometerse o seu proceso de acollemento e integración local, tendo seguridade xurídica e todas as políticas públicas e os dereitos fundamentais como marco.

O feito certo é que cada vez nos enfrontamos a un aumento maior das desigualdades, resultado das transformacións sociais, económicas e políticas do capitalismo contemporáneo, que agravaron a “cuestión social” e as súas manifestacións, excretando cada vez máis persoas cara a unha situación de necesario refuxio. Sen esquecer, ademais, que este reto emerxe nun momento complexo, como ben aborda YanisVaroufakis—economista e exministro de finanzas grego— ao asegurar que “o capitalismo morreu devorado polo propio capitalismo, abríndose un novo mundo tecnofeudal onde as grandes plataformas tecnolóxicas son as que dominan a economía global porque manexan os datos, a información e, por tanto, teñen o control sobre os individuos. A concentración de poder en mans dunhas poucas empresas, moi similar á do feudalismo na Idade Media, fai que os Estados pinten moi pouco”. Este problema global impactará especialmente na infancia e a xuventude vulnerable.

Neste contexto, desde Acampa pola Paz apostamos pola unidade como única forma eficaz de afrontarmos estes retos, coa seguridade de que tarde ou cedo as sociedades do mundo espertarán, pola súa propia supervivencia, coa forza capaz de cambiar o rumbo dun planeta que hoxe navega á deriva.

Cartel ACAMPA2024 web