IV Recoñecemento Internacional Acampa 2024

Pola paz e o dereito a refuxio
Escultura Recoñecemento

Candidaturas Propostas

para o

IV Recoñecemento Internacional

Trátase dun recoñecemento anual a entidades ou persoas que destaquen na defensa dos Dereitos Humanos, especialmente nos campos de actuación de Acampa: defensa dos Dereitos Humanos, o Dereito a Refuxio e a defensa da Paz e o diálogo como fórmula para resolución de conflitos. O obxectivo é poñer en valor a necesidade da defensa dos Dereitos Humanos presentando o traballo realizado por organizacións e persoas que son un referente e un exemplo para toda a sociedade. Pretendemos poñer o foco mediático na situación de retroceso dos Dereitos Humanos en todo o mundo e a importancia de recuperalos e defendelos coa forza e resiliencia das organizacións e persoas que reciben este recoñecemento que será proposto e votado por todas as organizacións e persoas que conforman a Rede Acampa Internacional..

Greta Thunberg

Activista Medioambiental

GRETA THUNBERG candidatura internacional Acampa pola paz e o refuxio 2024

En 2011, con só 8 anos, Greta Thunberg escoitou falar por primeira vez de cambio climático e non entendeu que, diante dun problema tan xigantesco e tan global, se estivese a facer tan pouco. Naceu así unha activista que non deixou de sorprender o mundo desde entón. Pola súa rotundidade e coherencia á hora de conformar un movemento mundial polo clima, é unha das voces ambientalistas máis potentes do planeta.

Este ano, edición na que o Encontro Internacional Acampa pola Paz centra o foco na Infancia e a Mocidade refuxiada, recoñecer o liderado de Greta é simbolizar nela a defensa de todos aqueles nenos e nenas aos que a crise climática está a converter en refuxiados, ás vítimas do espolio de recursos, aos que ven como a subida do nivel de mar arrasa as súas aldeas; nela están aqueles que enferman polo uso de pesticidas ou que perden o seu hábitat natural por cultivos intensivos que esnaquizan e invaden a súa contorna vital. A aqueles aos que o capitalismo feroz deixa sen presente e sen futuro. Aos que as guerras, case sempre económicas, sepultan baixo as bombas ou feren física e mentalmente para sempre.

A súa voz no Cumio de Acción Climática da ONU en 2019 non deixou indiferente a ninguén. O mundo necesitaba ese ricto e ese berro enfadado. É a persoa máis nova que entrou na lista Forbes das cen mulleres máis poderosas do mundo e foron múltiples os nomeamentos ao Premio Nobel da Paz.

@GretaThunberg
https://thegretathunbergfoundation.org

GRETA THUNBERG candidatura internacional Acampa pola paz e o refuxio 2024

UNRWA

Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados Palestinos

unrwa candidatura internacional Acampa pola paz e o refuxio 2024

Polo seu traballo durante sete décadas atendendo as persoas refuxiadas palestinas e, en especial, polo crucial papel que desempeñan no último ataque de Israel sobre Gaza, que desde o pasado 7 de outubro vén arrasando a Franxa e devastando cidades e vilas, asasinando e ferindo boa parte da súa poboación civil. O Recoñecemento ao seu traballo é máis esencial agora que máis dunha decena de países lle retiraron o seu financiamento –máis do 60% – pola acusación por parte de Israel de que doce dos seus traballadores participaron nos atentados, un dato xa cuestionado e un feito que forma parte do acoso á organización, máis se temos en conta que na actualidade dá emprego a máis de 30000 traballadores, dos que case o 100% son refuxiados.

A Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados Palestinos estableceuse pola Resolución 302 (IV) da Asemblea Xeral da ONU do 8 de decembro de 1949 co propósito de acometer programas de axuda e obras directas para os refuxiados palestinos, 700000 cando o Estado de Israel, recentemente creado, os expulsa das súas terras. A axencia iniciou as súas operacións o 1 de maio de 1950 e desde entón non deixou de dar cobertura a unha poboación que, dúas xeracións despois, se achega aos seis millóns de refuxiados, concentrados en Xordania, Líbano, Siria e Palestina…Para a axencia, entran nesta denominación “as persoas cuxo lugar normal de residencia foi Palestina durante o período comprendido entre o 1 de xuño de 1946 e o 15 de maio de 1948, e que perderon tanto o seu fogar como os seus medios de vida como resultado diso, pero tamén os seus descendentes”.

UNRWA leva máis sete décadas proporcionando axuda humanitaria co seu fondo de emerxencias á poboación refuxiada de Palestina. En Gaza, o 80 % da poboación dependía da axuda de emerxencia de UNRWA e o 59 % estaba clasificada como poboación en situación de inseguridade alimentaria, xente á que se axuda con comida, con vivenda adecuada ou mesmo con subsidios directos.

Desde a súa creación, a UNRWA encárgase de proporcionar educación, sanidade, alimentos, servizos sociais e axuda humanitaria ás persoas refuxiadas de Palestina, dentro e fóra dos territorios ocupados. Conta con máis de mil instalacións, entre as que se atopan escolas, clínicas e centros para mulleres e persoas con discapacidade; así mesmo, mantén as infraestruturas e a mellora dos campamentos que axuda de microfinanciamente de proxectos e con alimentos.

unrwa candidatura internacional Acampa pola paz e o refuxio 2024

WAEL AL-DAHDOUH

Xornalista palestino, xefe oficina Al Jazeera en Gaza

WAEL AL-DAHDOUH candidatura internacional Acampa pola paz e o refuxio 2024

Wael Hamdan Ibrahim Al-Dahdouh naceu en 1970 en Ciudad de Gaza. Foille negada a saída da Franxa para estudar medicina, o que fixo que se centrara na carreira de Xornalismo na Universidade gazatí, iniciándose como reporteiro para medios locais antes de dar o salto en 2004 a Al Jazeera, desde onde informou baixo o hermético bloqueo de Gaza e nas catro devastadoras campañas militares israelís previas. Traballou tamén no xornal AlQuds.

O compromiso profesional de Wael Al-Dahdouh para contar ao mundo o que está a acontecer en Gaza é tan sobrecolledor como a súa resiliencia, sen soltar o micrófono a pesar de que boa parte da súa familia morreu en distintos ataques israelís. A súa esposa, a súa filla Sham (de 7 anos), o seu fillo Mahmoud (un estudante de 15 anos no último ano de secundaria) e un neto con menos de dous meses morreron nun bombardeo. Outros catro fillos seus resultaron feridos no ataque. Cando sucedeu este bombardeo aéreo no que morreron outras 21 persoas (incluídos oito familiares seus), residían no campamento de Nuseirat, despois de fuxir da cidade de Gaza seguindo ordes israelís.

Poucos días despois, mentres cubría un ataque israelí contra unha escola da ONU en Jan Yunis que deixou polo menos tres palestinos mortos (aínda que algunhas fontes citadas por Al Jazeera levaban a cifra ata os 33). Wael Al-Dahdouh resultou ferido e un compañeiro seu morreu como resultado do ataque dun dron israelí. Al-Dahdouh recibiu o impacto da metralla na man dereita e na cintura. O 7 de xaneiro de 2024, a aviación israelí asasinou tamén ao seu fillo Hamza, xornalista como el en Al Jazeera, mentres viaxaba de Rafah a Jan Yunis nun coche con outro xornalista, Mostafa Thuraya, que tamén morreu no ataque. O exército israelí ofreceu explicacións contraditorias, chegando a declarar que Hamza e Mostafa eran militantes palestinos, algo que foi negado polos seus familiares e compañeiros de traballo.

A mediados de xaneiro, abandonou Gaza para viaxar a Catar e recibir tratamento médico para as feridas sufridas no ataque de decembro.

@WaelDahdouh
@wael_eldahdouh

WAEL AL-DAHDOUH candidatura internacional Acampa pola paz e o refuxio 2024

Haydée castillo

Activista nicaragüana

HAYDÉE CASTILLO candidatura internacional Acampa pola paz e o refuxio 2024

Histórica activista e defensora dos Dereitos Humanos de Nicaragua. Dende 2018, exiliada política en Estados Unidos e dende o 15 de febreiro de 2023, despoxada da súa nacionalidade polo Goberno de Daniel Ortega, quen tamén confiscou os seus bens.

Castillo foi presidenta do Instituto de Liderazgo de Las Segovias (ILS), entidade que traballou durante anos con financiamento da cooperación galega a través das ONG galegas Solidariedade Galega, Sólida e Solidariedade Internacional de Galicia.

En 2018, o ILS foi ilegalizado polo goberno de Ortega acusado de financiamento terrorista, un tipo de agresión, o da difamación, que sofren moitas defensoras e que busca controlar as organizacións que reclaman o final da represión.

A pesar diso, a súa loita continúa dende a diáspora, onde segue a documentar a vulneración dos dereitos humanos en Nicaragua, a denunciar o espolio do territorio e a promover a xustiza transicional (memoria, verdade, xustiza, resarcimento e non repetición) xunto a organizacións de vítimas da represión estatal de Nicaragua. De igual maneira, desde o Instituto de Liderazgo e sempre no exilio, desenvolve un proceso de recuperación emocional desde o enfoque sistémico para vítimas e sobreviventes. É unha líder social influente na incidencia política internacional en organismos internacionais de dereitos humanos e multilaterais na busca da recuperación da democracia, as liberdades e a xustiza de Nicaragua.

@HaydeeCastilloF 

HAYDÉE CASTILLO candidatura internacional Acampa pola paz e o refuxio 2024

​BISAN OWDA

Cineasta e xornalista palestina

BISAN OWDA candidatura internacional Acampa pola paz e o refuxio 2024

Bisan Owda é unha das cineastas/xornalista que está a retransmitir en directo o xenocidio que está vivindo o seu pobo en Gaza, Palestina.  Bisan Owda (en árabe: بيسان عودة ) é unha cineasta palestina coñecida polos seus vídeos nas redes sociais que documentan a guerra Israel-Gaza de 2023, na Franxa de Gaza, en Palestina.

Owda traballou na ONU en materia de igualdade de xénero, como membro do Foro Ágora de Innovación de Xénero Xuvenil de ONU- Mulleres. Tamén traballou coa UE en materia de cambio climático, da que é embaixadora de boa vontade.

@bisanowda01
@wizard_bisan1

BISAN OWDA candidatura internacional Acampa pola paz e o refuxio 2024

Médicos sen Fronteiras

Medicos Sin Fronteras

Polo seu labor incansable na atención da poboación civil vulnerable nos puntos máis dispares do mundo e, en especial, pola cobertura e permanencia actual na Franxa de Gaza, á beira do pobo palestino, baixo as bombas e o asedio xenocida israelí. Os seus profesionais dan o mellor exemplo ao mundo da importancia de defender os DDHH e por iso son merecedores do aplauso colectivo de Rede Acampa pola Paz.

Médicos sen Fronteiras  naceu en 1971. O seu obxectivo, derrubar as fronteiras que emerxen entre quen ten vocación de salvar, de atender as vítimas da barbarie humana e dos desamaños da natureza. Prestan asistencia médico-humanitaria nos principais conflitos e desastres dos últimos 50 anos.

Na actualidade, MSF actúa en 70 países, onde socorren as poboacións desamparadas, as vítimas de catástrofes de orixe natural ou humana, de situacións de conflito, sen ningunha discriminación por raza, relixión, filosofía ou política. Ao actuar con neutralidade e imparcialidade, Médicos Sen Fronteiras reivindican, en nome da ética médica universal e do dereito á asistencia humanitaria, a plena e enteira liberdade do exercicio da súa función. Os seus voluntarios e voluntarias comprométense a respectar os principios deontolóxicos da súa profesión e a manter unha total independencia de todo poder, así como de toda forza política, económica ou relixiosa.

A capacidade da organización de dar resposta a emerxencias nun máximo de 72 horas á vez que manteñen os seus proxectos regulares en máis de 70 países, é froito da profesionalización da súa exemplar loxística e a súa cadea de aprovisionamento,  con centros internacionais de aprovisionamento de Bruxelas (Bélxica), Bordeos (Francia) e Ámsterdam (Países Baixos), que abastecen a toda a organización. Ademais, teñen un almacén de artigos de primeira necesidade e material de acubillo en Dubai (Emiratos Árabes).

www.msf.es/

Medicos Sin Fronteras