V Recoñecemento Galicia Acampa 2025
Pola paz e o dereito a refuxio
Candidaturas Propostas
para o
V Recoñecemento Galicia
Trátase dun recoñecemento anual a entidades ou persoas que destaquen na defensa dos Dereitos Humanos, especialmente nos campos de actuación de Acampa: defensa dos Dereitos Humanos, o Dereito a Refuxio e a defensa da Paz e o diálogo como fórmula para resolución de conflitos. O obxectivo é poñer en valor a necesidade da defensa dos Dereitos Humanos presentando o traballo realizado por organizacións e persoas que son un referente e un exemplo para toda a sociedade. Pretendemos poñer o foco mediático na situación de retroceso dos Dereitos Humanos en todo o mundo e a importancia de recuperalos e defendelos coa forza e resiliencia das organizacións e persoas que reciben este recoñecemento, que será proposto e votado por todas as organizacións e persoas que conforman a Rede Acampa Internacional.
SUSANA ALANIZ,
presidenta de la Asociación Fuco Buxán
Susana Alaniz é presidenta da asociación cultural “Fuco Buxán”, ex-coordinadora da delegación en Ferrol do Foro de Inmigración; membro da Marcha Mundial das Mulleres e da Plataforma pola Sanidade Pública. Leva máis de 30 anos loitando pola defensa dos dereitos das persoas migrantes e dos colectivos máis vulnerables da sociedade, denunciando situacións de discriminación, racismo e xenofobia, defendendo ás víctimas de violencia de xénero, e sensibilizando sobre a necesidade de frear os discursos de odio que están calando tan fondo hoxe en día.
A proposta da organización AMIGA (Asociación de Migrantes de Galicia).
MOHAMED SAFA,
Activista pola causa palestina afincado en Galicia
Médico oftalmólogo, histórico activista da causa palestina. É representante da OLP e relator en encontros nacionais e internacionais.
Nado en Cisxordania, Mohamed Safa ten nacionalidade española desde fai máis de cincuenta anos. Chegou aos 17 anos a Galicia onde estudou, formou a súa familia e involucrouse na sociedade galega, implicándose en cada movemento no que haxa que defender os dereitos sociais e humanos que incumben a esta comunidade. Comprometido coa filosofía de Acampa pola Paz, asistiu todos os anos aos encontros internacionais e mostrou sempre a súa disposición para colaborar no seu desenvolvemento.
Respecto ao futuro do pobo palestino, mantivo sempre que “o mañá é noso, non para construír unha gran nación pero si unha nación libre”
A proposta da Asociación Fuco Buxán.
MARGARITA GONZÁLEZ VARELA
Activista de Amnistía Internacional
Voceira de Amnistía Internacional Galicia. Marga, como é máis coñecida, é esa muller activista que día a día está aportando e sumando no camiño dos DDHH, campo no que traballa de maneira incansable como voluntaria desde hai máis de corenta anos.
Profesora de Primaria, foi pioneira en integrar as actividades de defensa dos DDHH nos centros educativos: Conmemorando datas como o 20 de novembro (Dereitos dos Nenos e Nenas), 10 de decembro (Declaración Universal de DDHH), 12 de febreiro (Nenos e Nenas Soldado) ou organizando Semanas Interculturais para pór en valor a diversidade de países e culturas.
Leva 41 anos colaborando activamente en Amnistía Internacional e desenvolvendo distintas responsabilidades nela, tanto no ámbito autonómico como local: Portavocía, Educación en DDHH, Tesouraría, Actos diversos… A través de AI, contactou con diversas entidades nas que actualmente colabora con actividades conxuntas ou participando a nivel persoal: Mundo Sen Guerras e Sen Violencia, Acampa, Aga Ucraína, ARMH.
Marga iniciouse no activismo porque estaba totalmente en contra da tortura e a pena de morte. Na actualidade, quere poñer o seu gran de area para que se cumplan os artigos da Declaración Universal de DDHH e todas as persoas teñan dereito á vida, saúde, educación, vivenda e liberdade.
A proposta de Mundo sen Guerras e sen Violencia.
XOSÉ ABAD,
Fotodocumentalista
Fotodocumentalista. Impulsor do movemento Acampa pola Paz e o seu coordinador desde o seu nacemento, en 2017, ata 2025. Nel segue participando na actualidade.
Con 17 anos, Xosé Abad, militou clandestinamente contra a ditadura. Foi detido en cinco ocasión, nas dúas primeiras torturado. Pasou varios meses no cárcere da Coruña ata a morte de Franco. Toda a súa vida está vinculada ao movemento social en Galicia e á defensa dos Dereitos Humanos.
Como fotodocumentalista, foi un dos creadores de Fotógrafos Contra a Guerra, creou e dirixiu Revela e Foro Social de Fotorreportaxe e Sociedade. Así mesmo, realizou diferentes documentais sobre memoria histórica democrática, destacando “O Segredo da Frouxeira”, “A pegada dos avós” e “Retomadas, a loita indíxena”.
Ao longo de varias décadas, documentou fotográficamente diferentes conflictos sociopolíticos, entre outros, o alzamento indíxena Zapatista en Chiapas – México, a loita do pobo Asháninca na selva central de Perú e a loita do pobo Guaraní en Brasil.
Recibiu o Premio de Amigos da UNESCO á traxectoria profesional na defensa dos Dereitos Humanos.
A proposta dunha asociada particular de Acampa, Paz Vázquez, e da ONG Poten100mos.
APEM
Asociación Pro Enfermos Mentales
APEM comeza a súa andaina en 1980, nun contexto de desinstitucionalización psiquiátrica que supuxo un cambio na xestión da saúde mental; familiares e profesionais do sector, conscientes da carencia de recursos de atención na comunidade galega para abordar as novas situacións, agrúpanse e crean esta organización, a primeira asociación en defensa das persoas con problemas de saúde mental que se constituíu en Galicia e a terceira de España.
A súa misión, facilitar a recuperación, adaptación e integración social das persoas con enfermidade mental, apoiar ás súas familias e achegados, e defender os seus dereitos universais.
Nestas catro décadas puxeron en marcha e fixeron realidade centros de rehabilitación psicosocial e laboral, centros de día, pisos protexidos e unidades residenciais para os enfermos mentais na nosa comunidade autónoma, á vez que manteñen programas de atención integral a enfermos mentais en prisión.
A proposta de Vangarda Obreira.
IBRAHIMA DIACK e MAGATTE N´DIAYE,
Defensores de Samuel Luiz
Ibrahima Diack e Magatte N´Diaye son os dous mozos senegaleses que non dubidaron nin un segundo en socorrer ao mozo Samuel Luiz, na madrugada do 3 de xullo de 2021, mentres estaba a ser agredido nunha céntrica rúa coruñesa. A súa valentía e humanidade, na noite en que Luiz foi asasinado a mans dun grupo de mozos hoxe condenados por un delito de asasinato co agravante de homofobia, é o mellor exemplo. Priorizar na axuda, correndo risco persoal mentres outros miraban sen reaccionar ou sen sentir a necesidade de intervir, demostra unha calidade humana e uns valores que deben ser recoñecidos e aplaudidos socialmente.
A proposta da coordinadora de Acampa Brasil, Célia Regina Rossi.