Resultados do IV Recoñecemento Internacional Acampa 2024

Pola paz e o dereito a refuxio
HAYDÉE CASTILLO E MANUEL RESULTADOS IV RECOÑECEMENTO ACAMPA 2024 MARTÍN GARCÍA

Más de 600 persoas decidiron que a activista nicaragüana Haydée Castillo, cun 30.2% dos votos, e o portavoz de SOS Sanidade Pública Manuel Martín García, co 46.7 % dos votos, serán os receptores do IV Recoñecemento ACAMPA á defensa dos Dereitos Humanos 2024.

O acto de entrega do Recoñecemento Acampa 2024, que toma forma nunha escultura da artista Pilar Subías, terá lugar durante o desenvolvemento do Encontro Internacional Acampa pola Paz, os días 7, 8 e 9 de xuño nos Xardíns de Méndez Núñez (A Coruña). Esta cita reunirá a especialistas e fotoperiodistas para reflexionar ao longo de toda a fin de semana sobre a Infancia e a Mocidade refuxiada. A cidade se converterá, da man do movemento Acampa pola Paz, en referente nacional do Dereito e o Xornalismo Humanitarios.

IV Recoñecemento Internacional

á Defensa dos Dereitos Humanos Acampa 2024

Haydée Castillo é unha histórica activista con máis de trinta anos de experiencia internacional na defensa dos Dereitos Humanos. No seu país, Nicaragua, foi asesora da Procuraduría de Dereitos Humanos, así coma Asesora de sociedade civil de Nacións Unidas.  Desde 2018 vive exiliada política en EEUU.

Castillo presidiu o Instituto de Liderazgo das Segovias (ILS), entidade que traballou durante anos con financiamiento da cooperación galega a través das ONGs Solidariedade Galega, Sólida e Solidariedade Internacional de Galicia. Precisamente esas organizacións galegas son as que propuxeron a súa candidatura.

A súa loita continúa desde a diáspora, onde segue documentando a vulneración dos DDHH en Nicaragua e promovendo a xustiza transicional (memoria, verdade, xustiza, resarcimento e non repetición).

HAYDÉE CASTILLO candidatura internacional Acampa pola paz e o refuxio 2024

IV Recoñecemento Galicia

á Defensa dos Dereitos Humanos Acampa 2024

Manuel Martín García SOS Sanidade Pública candidatura Galicia Acampa pola paz e o refuxio 2024

O médico Manuel Martín García, voceiro da plataforma SOS SANIDADE Pública de Galicia e presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública é un exemplo de compromiso. O seu está coa sanidade pública, especialmente centrado na defensa da atención primaria como o elo imprescindible para un bo funcionamento do sistema sanitario.

Desde hai anos, Manuel Martín é a voz inquebrantable que desde SOS SANIDADE vén denunciando o desmantelamento interesado e progresivo da atención sanitaria en Galicia, en beneficio da medicina privada, algo que afecta ao global da poboación galega pero máis aínda se miramos ao estrato máis vulnerable da mesma. Iso deriva no incremento da mortalidade evitable e xeral, non explicable pola epidemioloxía, tal e como certifican os últimos informes do Ministerio de Sanidade.

A súa candidatura foi proposta pola Asociación Fuco Buxán.

Desde o movemento Acampa congratulámonos do resultado. O obxectivo do recoñecemento, pór en valor a necesidade da defensa dos Dereitos Humanos, destacando o labor de organizacións ou persoas referentes nese eido e que sexan un exemplo para toda a sociedade, está máis que cumprido cos resultados da votación. Aquí vos deixamos, en dous roscos, os resultados acadados por cada unha das candidaturas que concorreron ao noso IV Recoñecemento Internacional Acampa 2024 pola Paz e o Dereito a Refuxio:

Resultados IV Recoñecemento Acampa 2024 internacional
Resultados IV Recoñecemento Acampa 2024 Galicia

A peza escultórica que da forma ao Recoñecemento foi creada para esta iniciativa pola artista Pilar Subías, a quen agradecemos públicamente a doazón e a cesión do dereitos de uso da mesma.